Friday 03 de May de 2024

Os vecinos e veciñas máis maiores e dependentes do municipio poden solicitar que lles merquen alimentos e medicinas


O goberno local anunciou, esta semana, a nova medida. Ata o momento, unha muller do municipio que vivía soa xa recibiu esta prestación.

O goberno local do Concello de Carral tomou numerosas medidas co fin de afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. Algunhas das máis importantes adoptáronse desde o departamento de Servizos Sociais co fin de axudar aos veciños e veciñas do municipio que se atopan en situación de maior vulnerabilidade. Unha delas consiste, precisamente, na posta en marcha dun servizo a domicilio de medicinas e alimentos para as persoas maiores e dependentes do municipio. Esta medida púxose en marcha esta mesma semana, polo que o goberno local considera que o Partido Popular ou ben está “na inopia ou non le a páxina web e as redes sociais do Concello”.

Esta iniciativa anunciouse, o pasado martes, a través da páxina web e das redes sociais do Concello de Carral. O goberno local agradécelle ao PP que se “lembre, malia que tarde, dos veciños e veciñas do municipio” e pídelle que “antes de facer solicitudes se informe das medidas que se están adoptando a través das canles de comunicación habituais”.

Como indica o goberno local, a través desta prestación, “xa se atendeu a unha veciña maior que vivía soa”. Un membro do goberno local acudiu ao domicilio da muller a levarlle os produtos solicitados.

O equipo de goberno fai un chamamento aos cidadáns e cidadás de Carral: “se algunha persoa é coñecedora de que un veciño ou veciña precisa dalgún tipo de axuda para adquirir produtos de primeira necesidade, medicinas ou cita médica, pode chamar ao Concello ou a Servizos Sociais”. Por exemplo, un membro do goberno local fíxolle hoxe a compra a unha veciña do municipio que vivía soa no seu domicilio. Neste tipo de situacións, os carraleses e carralesas poderán chamar ao 981 67 00 02 (Concello de Carral) ou ao 981 68 72 38 (Servizos Sociais).